domingo, 15 de maio de 2022

Colaboración do noso centro coa Facultade de Ciencias da Educación

Para celebrar o Día das Letras Galegas, presentámosvos un traballo conxunto entre o CEIP López Ferreiro e a Facultade de Ciencias da Educación da USC. Un proxecto de recollida de tradición oral que nace dun traballo das aulas Coralia e Maruxa e que se materializou a través dunha proposta do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro e co apoio da nosa biblioteca. Para consultalo só tedes que premer na seguinte imaxe:


A tradición oral é un vehículo fundamental e marabilloso de transmisión, conservación e posta en valor da nosa lingua e da nosa historia. 


 

 

martes, 10 de maio de 2022

A nosa escola na Galipedia

Dende hai uns días o CEIP López Ferreiro, xa aparece na Galipedia!

O alumnado de 6º B de Educación Primaria creou a súa páxina nesta enciclopedia libre. Preme na imaxe para acceder a ela.

 Colegio De Prácticas López Ferreiro de Santiago de Compostela | Opiniones y  Precios 2022 - Micole



Fai un trato co galego: o mundo da escrita

Helena Villar é unha artista galega, “rosaliana cen por cen”, como adoita definirse, que naceu en Becerreá, Lugo. É coñecida polo seu traballo como escritora e tamén como docente, pois foi mestra de Primaria durante moitos anos. Un dos centros nos que ensinou e ao que lle garda máis cariño é o noso, o LÓPEZ FERREIRO. Tamén foi profesora de Secundaria no IES Xelmírez I.

Aínda que destaca no seu traballo poético, é narradora, ensaísta, fotógrafa, tradutora, colaboradora de xornais, blogueira, estudosa da música e compositora dalgunhas cancións que foron interpretadas en distintas edicións do Festival da Canción Infantil Cantareliña, no que participaron a súa filla e o seu fillo.

Dende o mes de marzo, a biblioteca do CEIP López Ferreiro leva o seu nome.

Rosa Aneiros naceu en Meirás-Valdoviño e vive en Compostela. É xornalista e investigadora da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega. Colaboradora habitual en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, ten participado en programas de radio, escrito guións e impartido docencia na USC.

É unha grande contadora de historias, tarefa que quixo desenvolver dende pequena. Para ela a escrita é unha afección, desfruta escribindo para a cativada e para o público adulto. Sempre viaxa cun caderno, un bolígrafo e un libro.

Rosa, ten unha norma e é que na escrita non existen normas, como ela mesma sinala: "escribo onde lle cadre, en ordenador ou caderno segundo lle cadre, e nas horas que lle cadre... Por desgraza, ou por sorte, non podo planificar o tempo de escrita e teño que aproveitar cada minuto coma se fose o último". 


Miguel Vázquez, naceu en Corcubión. Docente de Filosofía, por formación, escribiu e traduciu textos relacionados con este ámbito. O seu traballo como escritor é moi amplo, e ten publicado literatura infantil e xuvenil, novela, poesía e ensaio.

Ademais, Vázquez Freire, foi director da revista Golfiño e codirector da colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia.

Colaborou como crítico e comentarista de literatura infantil. É coautor de diversos materiais educativos individuais e colectivos.

Tamén foi membro fundador da asociación de renovación pedagóxica Nova Escola Galega.





 

domingo, 8 de maio de 2022

Rompemos barreiras cantando coa linguaxe pictográfica.

As aulas de Infantil do CEIP López Ferreiro achéganse á música popular e ao himno galego seguindo o Sistema Aumentativo e Alternativo de Comunicación (SAAC). Así, apoiándonos no uso destes pictogramas ARASAAC, o alumnado de Infantil, especialmente o que presenta algún tipo de necesidade, é quen de seguir os textos presentados. 

Así cantan A Saia da Carolina


E entoan o Himno Galego






Fai un trato co galego: as nosas artistas e os nosos artistas musicais

Susana Seivane é unha gaiteira e unha artista polifacética, referente no panorama da música Folk. Descende dunha importante familia de gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia e sempre presumiu da herdanza do seu avó, Xosé Manuel Seivane, e do seu pai, Álvaro Seivane.

A súa música evoluciona con ela, pois adoita rodearse e colaborar con importantes figuras no plano musical. Estivo presente en importantes escenarios, tanto do territorio nacional, como internacional con grande recoñecemento.

Dende este curso, a aula de música do CEIP López Ferreiro leva o seu nome.

 

Xabier Díaz é cantante, bailador, gaiteiro, pandeireteiro, compositor, ademais de autor dun enorme traballo de compilación etnográfica. 

Formou parte de diferentes agrupacións como Xacarandaina, Nova Galega de Danza ou Berrogüeto e  colaborou en discos e concertos de diferentes artistas, acadando numerosos recoñecementos.

Xunto a Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero, formou parte do proxecto aCadaCanto

Nos últimos anos traballa man a man coas Adufeiras de Salitre,  mulleres cantoras e percusionistas.

Neste momento está inmerso na xira do seu último disco, Levantarse e caer.


Guadi Galego, mestra de música no ensino público, é outra grande e polifacética artista do panorama galego. Destaca a súa participación, antes do seu inicio en solitario, como vocalista do grupo Berrogüeto.

Muller loitadora que reivindica a pluralidade, a diversidade e a igualdade das mulleres, é asemade unha grande defensora do galego e da propia cultura.

Leva acadados moitos premios. Hai cinco anos, con motivo das actividades do Día das Letras Galegas, participou nun destacado acto no eido educativo (organizado polo CFR), cuxo obxectivo era fomentar o canto coral nos centros de ensino, utilizando como base o repertorio de grupos e cantantes galegos actuais. Arredor de mil estudantes de Primaria e Secundaria xuntáronse para gravar con ela o seu tema Chea de vida. 



sábado, 7 de maio de 2022

Encarna Otero: o Día do Libro e a denominación dos espazos do centro.

A denominación da biblioteca e das aulas do centro é unha das actividades propostas na liña da Mellora sociolingüística que o novo EDLG do López Ferreiro está a desenvolver este curso. As aulas levarán o nome de mulleres representativas no ámbito da cultura galega.

 

Encarna Otero Cepeda é unha das mulleres máis coñecidas e estimadas de Compostela. Visitou o noso centro recentemente e, dende o 23 de abril, unha das aulas de Educación Infantil leva o seu nome.

Esta historiadora, que dedicou (e dedica) a súa vida á docencia, á política e ás causas sociais,  recoñécese como feminista activa.

Ensinante por vocación, entende a educación como un ben público, ao servizo dunha formación integral, en igualdade, que faga as persoas máis felices e humanas e que contribúa á transformación social.

 

Muller de grande vitalidade e ilusión que escribe e colabora con distintas publicacións, sinala que “gardo no meu corazón a nena que fun para vivir con esperanza e soños”.

Moitísimas grazas, Encarna!