domingo, 16 de abril de 2023

Exposición de retratos de grandes mulleres


Os corredores do último andar do noso centro encheuse, durante o mes de marzo, de retratos de grandes mulleres que supuxeron un grande traballo de achegamento, por parte do alumnado de 4º de Primaria especialmente, á súa figura e ao seu labor.

Esta proposta do EDLG, que naceu a partir das MULLERES IMPRESCINDIBLES NA VIDA DE COMPOSTELA, está a ampliar o catálogo sobre o que este curso estamos a traballar.

O alumnado de 4ºB, incluso organizou a visita a esta exposición para o alumnado de Educación Infantil, que gozou moito coa actividade e amosou grande interese.





Visita das Mulleres Imprescindibles ao noso centro

No mes de marzo,  o "mes por excelencia das mulleres", visitaron o noso centro para reunirse co alumnado dos diferentes niveis: Marisa Vidal, Encarna Otero, Helena Villar e Margarita Ledo.

Estes encontros con mulleres organizounos o  Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro, que está a coordinar a proposta MULLERES IMPRESCINDIBLES NA VIDA DE COMPOSTELA, que se desenvolve a partir do Programa Donas de Si, no que  estamos a participar.

Tivemos a sorte de poder contar para a conmemoración do 8M con Helena Villar e Encarna Otero que desenvolveron, como en tantas ocasións, encontros co alumnado de todos os ciclos. Ademais, e en colaboración co Equipo de Extraescolares, visitounos Marisa Vidal, que nos acercou a Exeria, un dos referentes femininos da nosa historia, a través do seu traballo: Eu son Exeria.

E rematamos o mes coa conferencia de Margarita Ledo, que lle achegou ao alumnado de 6ºde Primaria, a súa paixón polo audiovisual como medio para reivindicar a loita das mulleres e poñer en valor a lingua propia.

Helena Villar Janeiro e Encarna Otero Cepeda

 
 
Marisa Vidal Collazo


 
Margarita Ledo Andión

Encontros Lectores

O Equipo da Biblioteca do noso centro e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega seguen a desenvolver mensualmente encontros lectores co alumnado e coas familias.

O EDLG do noso centro leva a cabo estas xuntanzas coas alumnas e cos alumnos de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria e coas súas familias.


Algunhas das obras escollidas foron: Un estraño agasallo, O tesouro de pirata Frank ou Cambia o conto.




Día de ROSALÍA

A celebración do Día de Rosalía é un acontecemento en todos os centros e, por suposto, tamén o foi no noso!

O alumnado de Educación Infantil do CEIP Ricardo Tobío, de Esteiro (Muros), achegounos un recitado fermosísimo que vos convidamos a ver e escoitar:  https://dinamizacionricardotobio.blogspot.com/2023/03/os-nenos-e-nenas-de-educacion-infantil.html

Por outra banda, un ano máis seguimos a desenvolver actividades conxuntas co IES Camilo José Cela de Padrón. Este curso agasallámolos e agasallámolas, remitíndolles o noso traballo a través duns códigos QR.

Estas propostas poñen de manifesto que o traballo interniveis e intercentros é moi produtivo!


O Equipo de Dinamización da Lingua Galega participou tamén da Ruta Rosaliana que organizou o Equipo da Biblioteca a través do programa "Lectura e Familias". Visitamos o Museo do Pobo Galego e os lugares máis significativos nos que viviu a poeta, entre eles a casa de Antonio López Ferreiro, hoxe sede o ILGA, que nos abriu as súas portas.
 




Faladoiros sobre Igualdade e Bo Trato

 

No mes de marzo, iniciáronse no noso centro, os Faladoiros sobre Igualdade e Bo Trato. Esta proposta, impulsada polo EDLG, persegue “traballar, dende o galego, a coeducación emocional dende a perspectiva de xénero para que o alumnado acade un desenvolvemento integral e equilibrado”. O Consello Escolar do centro, que tamén participa, conta cunha persoa encargada de impulsar as medidas educativas que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres. Estes faladoiros presentáronse no mes de febreiro e desenvolveranse ata o mes de maio. Neles participan alumnos e alumnas de  4º 5º e 6º, en dous grupos diferenciados debido ao alto grao de interese que despertaron: un grupo de 4º e outro de 5º e 6º.

Traballamos conceptos básicos: igualdade, solidariedade, participación, compromiso, empatía, asertividade... Achegámonos aos dereitos e deberes establecidos na nosa sociedade e, a través de distintas propostas e xogos, impulsamos diferentes destrezas e actitudes: comunicación construtiva, negociación e consenso, respecto aos/ás demais, comportamento empático...

Ademais da alta participación, tendo en conta que se leva a cabo fóra do horario escolar, hai que destacar, ata o de agora, a excelente actitude amosada e a importancia que, para este alumnado, ten a amizade e as emocións na regulación social.

Para desenvolver esta proposta contamos coa axuda da alumna de 4º do Grao en Educación Infantil da USC, Lara Timiraos. 


Presentación dos obradoiros sobre Igualdade e Bo Trato