venres, 30 de decembro de 2022

Colaboración CEIP López Ferreiro-CEIP Ricardo Tobío


 

O alumnado de Educación Infantil do noso centro establece o primeiro contacto coas nenas e cos nenos desta mesma etapa do CEIP Ricardo Tobío de Esteiro (Muros).

Nesta primeira ocasión preséntanse os grupos de 4º de Infantil e felicitan o Nadal cunha panxoliña. Dende o EDLG das dúas escolas, agardamos que sexan moitos os encontros virtuais que se establezan ao longo do curso.

Exposición solidaria

 

Os Equipos de Actividades Extraescolares e de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro realizaron, con alumnado de diferentes niveis, unha exposición fotográfica: “A mellor luz, a solidariedade”, co fin de colaborar co Albergue Juan XXIII na campaña de Nadal. Deste xeito, apóiase o grande labor que está a facer esta institución, ao ser refuxio e sustento de moitas persoas na nosa cidade.

Protagonizan as fotografías os distintos tipos de luz e os ollos do alumnado que as realiza ou está a ser retratado.

Ademais, cada unha das 30 imaxes están apoiadas con versos de grandes mulleres poetas galegas: Rosalía de Castro, María Mariño, Luz Pozo, María Victoria Moreno, Helena Villar, Ana María Fernández, María do Cebreiro Rábade ou Rosalía Fernández.

A exposición puido ser visitada os días 21 e 22 de decembro no claustro do Hotel Monumento San Francisco e, á volta do Nadal, as fotografías serán expostas no centro.

O motivo da exposición foi procurar diferentes produtos que precisan no Albergue: alimentarios, de hixiene persoal, de limpeza etc.