xoves, 31 de marzo de 2022

Fai un trato co galego: o mundo das institucións

Esta vez, fan un trato co galego tres persoas relevantes das institucións máis representativas da nosa cidade: Alba Nogueira López, catedrática de Dereito Administrativo da USC, Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago e presidente do Concello e Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística e representante da Xunta de Galicia.


 



domingo, 27 de marzo de 2022

Día de Rosalía de Castro e Día da Poesía


O día 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro e o 21 de marzo o Día da Poesía.
O alumnado de 6º de Educación Infantil do CEIP López Ferreiro, e un grupo de alumnas de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato do IES Camilo José Cela, achégannos versos da nosa poeta máis universal.
 
 
Os alumnos e as alumnas de 1ºB de Educación Primaria traballaron o poema 'Has de cantar' de Cantares Gallegos. Esperamos que vos guste! Dentro vídeo!

sábado, 19 de marzo de 2022

Fai un trato co galego: o mundo da saúde

O mundo da saúde fala galego. Aquelas persoas que tratan as nosas doenzas e que forman a profesionais da saúde anímannos a utilizar o galego. Trasládannos que, ademais, podemos transmitir os coidados de mellor maneira na nosa lingua.

Lola Ferreiro é Licenciada en Medicina e Cirurxía pola USC. Durante moitos anos foi Colaboradora Docente do Departamento de Psiquiatría da USC. É Catedrática de Procesos Sanitarios, co seu último destino no IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela. Pertence ao Grupo Lúa Crecente, de estudos e deseño de programas de Educación para a Saúde desde a perspectiva de xénero. É autora de numerosos artigos e publicacións. Destacamos o manual Coeducación Afectivo-Emocional e Sexual, que, ademais, coordinou.

 



Emilio del Río é Licenciado en Medicina e Cirurxía pola USC. Formouse e doutorouse en Madrid e obtivo praza de dermatólogo titular no Servizo Galego de Saúde, á que renunciou un tempo despois para dedicarse ao desenvolvemento do proxecto Dermalar. Pertence á Sociedade Galega de Dermatoloxía (SOGADERM), á Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV) e á European Academy of Dermatology and Venereology (EADV).

É autor e moitas publicacións en revistas nacionais e internacionais e de varios capítulos en libros da especialidade de dermatoloxía e de medicina xeral.

 


Hodair Lopes, naceu en Cabo Verde pero viviu en Francia dende os 7 anos ata o ano 2009, en que veu para Galicia. En Santiago cursou os estudos de Auxiliar de Enfermaría e xa leva anos exercendo o seu traballo en hospitais e en residencias de maiores. 

Hodair sinala que fixo un trato co galego dende que se veu vivir á nosa terra pois, ao chegar, xa se matriculou nas clases de galego na Escola Oficial de Idiomas para aprendelo. Agora leva o galego sempre consigo "vaia onde vaia".

 

 

Helena Villar: o 8M e a denominación dos espazos do centro.

Para a celebración do 8 de Marzo tivemos a sorte de contar, como noutras ocasións, con Helena Villar Janeiro. Sempre xenerosa, non dubidou en acudir ao noso convite para conmemorar este día tan sinalado.

 

Helena, muller polifacética onde as haxa, "axudou a andar o camiño da escrita de muller en galego".

No centro esperábaa unha sorpresa. A biblioteca, á que tanto tempo lle dedicara nos seus anos de docente no López Ferreiro, agradecíalle o seu traballo levando o seu nome. A súa familia e compañeiros e compañeiras dos seus anos no centro tamén se achegaron para acompañala.

Nesta merecida homenaxe, o alumnado da escola sinalou: 

"Helena é unha escritora imprescindible cunha ampla produción, moi recoñecida e premiada, que pon e puxo en valor a lingua galega como vehículo de transmisión e reivindicación, que impulsa valores como a diversidade, a sabedoría das persoas maiores, a música, a tradición cultural propia ou a ecoloxía".

Moitísimas grazas, Helena!

luns, 7 de marzo de 2022

Falemos de bo trato para conmemorar o 8M

Este vídeo, que é o resultado do traballo do alumnado que agora está en 3º de Primaria. É froito dunha ampla proposta que se empezara en Educación Infantil e que tivo unha breve continuación, debido á pandemia, cando estaban en 1º. 

Estas nenas e estes nenos achégannos, en galego, unhas regras básicas do Bo Trato. Falan de diversidade, de tolerancia, de igualdade, de entendemento, de respecto, de cooperación e de manexo adecuado dos conflitos. Aspectos básicos da xornada reivindicativa do 8 de marzo.



Música para un tempo de Paz

O alumnado de Infantil e o alumnado de 3º, 5º e 6º de Primaria, do CEIP López Ferreiro, desenvolven un traballo conxunto de achegamento a temas musicais en inglés, con pequenos fragmentos traducidos ao galego que nos permiten expresar e transmitir sentimentos de optimismo e esperanza nuns tempos difíciles para a paz.

Neste traballo colaboraron co EDLG as titoras de 6º de Educación Infantil e os e as docentes de inglés, dende o seu programa das Seccións Bilingües.



 

XOIAS DA TRADICIÓN ORAL

Dúas familias da nosa comunidade educativa achégannos dúas testemuñas marabillosas da recollida de tradición oral.

A primeira son dúas gravacións, realizadas hai máis de vinte anos, que conforman un episodio dunha serie denominada A Palabra no Tempo, da TVG.

Sara achéganos a historias e lendas que deron forma ao imaxinario do Mar das Carolas (na Mariña lucense) e que grazas a ela se conservaron.

Moitísimas grazas á familia Rodríguez Domínguez por cedernos este tesouro.

 


 


A segunda é un libro fantástico elaborado, hai máis de 30 anos (curso 1989-1990) polo alumnado que remataba o ensino obrigatorio no que era o C.P. de Bembibre, en Val do Dubra (hoxe CPI de Bembibre). 

Nel o alumando recolleu, documentou e ilustrou os contos que chegaron ás súas casas. Moitos son de parroquias do propio concello de Val do Dubra e outros de concellos próximos como Carballo ou Santa Comba.

Moitísimas grazas á familia López Calviño por querer compartir con todas e todos esta xoia.