sábado, 19 de marzo de 2022

Fai un trato co galego: o mundo da saúde

O mundo da saúde fala galego. Aquelas persoas que tratan as nosas doenzas e que forman a profesionais da saúde anímannos a utilizar o galego. Trasládannos que, ademais, podemos transmitir os coidados de mellor maneira na nosa lingua.

Lola Ferreiro é Licenciada en Medicina e Cirurxía pola USC. Durante moitos anos foi Colaboradora Docente do Departamento de Psiquiatría da USC. É Catedrática de Procesos Sanitarios, co seu último destino no IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela. Pertence ao Grupo Lúa Crecente, de estudos e deseño de programas de Educación para a Saúde desde a perspectiva de xénero. É autora de numerosos artigos e publicacións. Destacamos o manual Coeducación Afectivo-Emocional e Sexual, que, ademais, coordinou.

 



Emilio del Río é Licenciado en Medicina e Cirurxía pola USC. Formouse e doutorouse en Madrid e obtivo praza de dermatólogo titular no Servizo Galego de Saúde, á que renunciou un tempo despois para dedicarse ao desenvolvemento do proxecto Dermalar. Pertence á Sociedade Galega de Dermatoloxía (SOGADERM), á Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV) e á European Academy of Dermatology and Venereology (EADV).

É autor e moitas publicacións en revistas nacionais e internacionais e de varios capítulos en libros da especialidade de dermatoloxía e de medicina xeral.

 


Hodair Lopes, naceu en Cabo Verde pero viviu en Francia dende os 7 anos ata o ano 2009, en que veu para Galicia. En Santiago cursou os estudos de Auxiliar de Enfermaría e xa leva anos exercendo o seu traballo en hospitais e en residencias de maiores. 

Hodair sinala que fixo un trato co galego dende que se veu vivir á nosa terra pois, ao chegar, xa se matriculou nas clases de galego na Escola Oficial de Idiomas para aprendelo. Agora leva o galego sempre consigo "vaia onde vaia".

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario