mércores, 28 de febreiro de 2024

Fai un trato co galego: as institucións falan galego

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, é ademais escritor, crítico literario, editor e xornalista, que adoita colaborar asiduamente con diferentes medios de comunicación.

Ocupou a dirección de editoriais como Galaxia e Xerais e é membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega.

Ingresou na Real Academia Galega no 2004 e presídea desde marzo de 2017, "un centro de traballo arredor da lingua galega".

Francisco J. Prieto é o arcebispo de Santiago desde abril do pasado ano. Pertence á Arquidiocese de Santiago de Compostela, unha circunscrición ou ámbito eclesiástico da Igrexa Católica en España. É o máximo representante en Galicia desta institución.

O arcebispo de Santiago, sinalaba, precisamente na visita á Real Academia Galega: "A Igrexa ten a responsabilidade de ir educándonos nesa sensibilidade sobre unha lingua que é propia"

 




domingo, 25 de febreiro de 2024

Día de Rosalía

 

Este venres 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía no noso centro. Nas aulas desenvolvéronse diferentes actividades para visibilizar a nosa escritora e para fomentar o uso do galego.

O EDLG do CEIP López Ferreiro, en colaboración co IES Camilo José Cela de Padrón, empezara xa había dúas semanas a pór en marcha a campaña Búscanse galegofalantes, que xurdiu a raíz da participación no programa 21 días co galego e + e no Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística.  Na nosa escola instalamos "puntos de sinaturas" á entrada dos corredores dos catro andares do centro e, ao lado, un cartel moi expresivo, onde a propia Rosalía de Castro animaba o alumnado a que asinase un compromiso co emprego de idioma, para fomentalo e non abandonar o seu uso. A afluencia para asinar superou todas as previsións! Máis da metade do alumnado do López Ferreiro deixou a súa sinatura!

Achegamos imaxes da proposta levada a cabo nos dous centros.

 



domingo, 11 de febreiro de 2024

Festa do Entroido

O EDLG tivo este ano un papel moi destacado no Entroido do noso centro.

Xunto co Equipo de Extraescolares, organizamos o fin de festa do programa dos 21 días co galego e + 2024.

Grazas a esta iniciativa, puidemos traer ao centro ao grupo musical Ruxe-Ruxe que, debido ao mal tempo, tivo que desenvolver o seu concerto (con tres pases!), nas instalacións interiores do centro.

O alumnado gozou moito coa música da banda, que combina o rock con sons tradicionais galegos.

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo de mostra.

 


Podedes acceder a máis información a través da nosa web