domingo, 3 de abril de 2022

Fai un trato co galego: o mundo da escena

Lidia Veiga é unha actriz galega de teatro, cine e televisión que se formou na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. 

Nos últimos anos acadou varios premios como mellor actriz por diferentes traballos: A lei de Santos, O paso, Onde dormen as gaivotas ou Lonxe.

Ademais do seu amor pola escena, gusta de nadar, patinar, cantar e bailar.

Larraitz Urruzola é unha actriz, animadora sociocultural e creadora de propostas escénicas para público infantil e familiar: monicreques, sombras, marionetas de fío... Vasca de nacemento, integrouse totalmente na cultura e na lingua galega de xeito natural.

Defínese como titiriteira e percorre o noso territorio como contadora de historias con espectáculos que están sendo moi recoñecidos e aclamados como: Dona Barriga Verde, O Crebanoces ou A Viaxe de Rosalía.

Vítor Fábregas empezou a súa andaina na escena sendo neno, no teatro afeccionado, co dramaturgo Xosé Agrelo Hermo. Estudou Maxisterio na USC, onde tamén fixo un posgrao de teatro. Despois marchou a Alcalá de Henares a estudar teatro clásico.

Acadou moita fama por formar parte do dúo Os Tonechos, pero na TVG participou e participa en distintos programas, documentais e series como: O Nordés, Era Visto, Pazo de Familia, Do dereito e do revés, Vou que teño que ir ou Sen Código Postal, entre outros.

Formou parte do reparto de 18 comidas e na actualidade de O corpo aberto.




A nosa lingua non é sexista

Elisa, Mariña e Ulla, alumnas de 4º de Primaria, prepararon un vídeo con exemplos para explicarnos o que é o sexismo lingüístico.

Esta actividade enmárcase na liña da Potenciación de actividades dirixidas ao alumnado, que está a desenvolver o noso EDLG. Neste caso concreto vai encamiñada a impulsar o bo emprego da nosa lingua e a desbotar as formas lingüísticas non inclusivas.

Todas e todos podemos practicar o Bo Trato co galego!