Lidia Veiga é unha actriz galega de teatro, cine e televisión que se formou na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Nos últimos anos acadou varios premios como mellor actriz por diferentes traballos: A lei de Santos, O paso, Onde dormen as gaivotas ou Lonxe.
Ademais do seu amor pola escena, gusta de nadar, patinar, cantar e bailar.
Larraitz Urruzola é unha actriz, animadora sociocultural e creadora de propostas escénicas para público infantil e familiar: monicreques, sombras, marionetas de fío... Vasca de nacemento, integrouse totalmente na cultura e na lingua galega de xeito natural.
Defínese como titiriteira e percorre o noso territorio como contadora de historias con espectáculos que están sendo moi recoñecidos e aclamados como: Dona Barriga Verde, O Crebanoces ou A Viaxe de Rosalía.
Vítor Fábregas empezou a súa andaina na escena sendo neno, no teatro afeccionado, co dramaturgo Xosé Agrelo Hermo. Estudou Maxisterio na USC, onde tamén fixo un posgrao de teatro. Despois marchou a Alcalá de Henares a estudar teatro clásico.
Acadou moita fama por formar parte do dúo Os Tonechos, pero na TVG participou e participa en distintos programas, documentais e series como: O Nordés, Era Visto, Pazo de Familia, Do dereito e do revés, Vou que teño que ir ou Sen Código Postal, entre outros.
Formou parte do reparto de 18 comidas e na actualidade de O corpo aberto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario