domingo, 27 de febreiro de 2022

Fai un trato co galego: o mundo do deporte fala galego

 Tres figuras representativas do deporte galego convídannos a falar en galego.

Cecilia Cacheda González é xogadora profesional na máxima categoría do balonmán español, no Unicaja Banco Gijón. Foi tamén xogadora do Balonmán Lalín e do Club Balonmán Porriño. Xoga habitualmente coa selección galega e estivo convocada coa selección española absoluta.

Álvaro Casas Rancaño é xogador de fútbol, na actualidade capitán da SD Compostela. Este compostelán xogou tamén no Real Club Celta de Vigo e o Real Oviedo, entre outros.

Pablo Cacheda González foi xogador profesional de balonmán en equipos como Academia Octavio de Vigo, Club Balonmano Valladolid ou Club Balonmano Logroño La Rioja. Foi campión europeo e subcampión mundial júnior, ademais de internacional coa selección absoluta. Na actualidade é técnico do Balonmán Lalín na división de honor prata masculina.



sábado, 26 de febreiro de 2022

LIBRO DA MEMORIA

Achegámosvos o Libro da Memoria do CEIP López Ferreiro, un Libro amplo, distribuído por cursos, que elaboramos coas achegas da nosa comunidade educativa. 

A tradición oral é un dos piares da nosa cultura, unha memoria colectiva necesaria para manter a identidade propia. 

Agradecemos a participación de todas e todos para conformar este traballo. Premede nas imaxes e desfrutade!                                                              




                                            

                                


                               




     
   j           

domingo, 20 de febreiro de 2022

Fai un trato co galego: a nosa música

Algunhas das artistas máis coñecidas no mundo da música en galego, de todas as idades, pídennos que fagamos un trato co galego.

As Tanxugueiras rompen coas estatísticas que sinalaban que os nenos e nenas non escoitaban nin coñecían música en galego e, unha vez máis, axudan a que a nosa comunidade educativa poña en valor a utilización do noso idioma.


Malvela son o exemplo de mantemento da identidade a través da memoria colectiva, demostrando que nin a lingua nin a idade teñen fronteiras.


Uxía, que ten dirixido e traballado coas mulleres dos dous grupos anteriores, é unha das grandes renovadoras da música tradicional galega e unha das figuras máis significativas da nosa música. 


Nelas temos a reivindicación, a defensa da lingua e o orgullo da cultura galega.

Por todo iso e pola vosa colaboración coa nosa proposta, mil grazas!!!

domingo, 13 de febreiro de 2022

Fai un trato co galego: o mundo do xornalismo fala galego

 Hoxe iniciamos a nosa campaña: FAI UN TRATO CO GALEGO!

Un proxecto que quere pór en valor o noso idioma e amosar que o galego é unha lingua útil e válida en calquera ámbito. Comezamos co eido xornalístico.

Queremos que o noso alumnado aprecie a nosa lingua propia e coñeza moitas persoas, para as que o uso do idioma galego é algo natural e enriquecedor na súa vida cotiá.

No Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro, estamos moi contentas de que esta proposta comezase a andar e queremos agradecer que tantas persoas, coñecidas e recoñecidas, se sumen á nosa iniciativa.

Irene Lourido é xornalista, profesora universitaria e presentadora da TVG. Leva xa varios anos á fronte dos informativos da fin de semana da TVG. Terio Carrera tamén é presentador da TVG, onde é un dos rostros máis coñecidos na información deportiva. Xavier Cea é subdirector do xornal compostelán El Correo Gallego. Leva moitos anos no mundo do xornalismo, desempeñando outros cargos como a dirección de Galicia Hoxe e a presidencia da Asociación de Medios Escritos en Galego.

 

 En próximas entradas moita outra xente vos pedirá que fagades un trato co galego!