Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca CEIP López Ferreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca CEIP López Ferreiro. Amosar todas as publicacións

mércores, 28 de xaneiro de 2026

Encontros lectores

 A biblioteca do centro e o equipo de dinamización da lingua realizou o primeiro Encontro lector do 2026.

  • Para o alumnado de Educación Infantil , 1º, 2º e 3º de Primaria: O Libro da Memoria

Unha obra publicada desde o centro hai tres cursos, para que o alumnado descubra e se incorpore á cultura que lle pertence.

                     
  • Para 4º, 5º e 6º, A lavandeira de San Simón.
Unha obra de Eva Mejuto, ilustrada por Bea Gregores, que trata o tema da memoria esquecida das mulleres solidarias de Redondela, que axudaron aos prisioneiros de San Simón, (Ed. Xerais).

  • Para as familias,
O libro proposto foi A vida incerta.  Biografía de Virxinia Pereira. A obra de Montse Fajardo (Cumio editorial), achéganos a unha muller polifacética, que era coñecida, sobre todo, por ser a muller de Castelao.


sábado, 11 de maio de 2024

Encontros lectores

O 24 de abril participamos, co Equipo de Biblioteca e coas familias, dun novo encontro lector.

Esta vez o club de primeiras lecturas achegouse a Os vagalumes de Marí. Alba Míguez e Damián Gómez, autora e autor desta historia gráfica, editada por Xerais, estiveron no noso centro. Familias e alumnado gozaron moito escoitando como narraban este relato de banda deseñada, como explicaban os detalles sobre desenvolver e repartir un traballo conxunto e insistiron na importancia do debuxo e da pintura nesta historia.

As alumnas e os alumnos que asistiron non perderon a oportunidade de levar as sinaturas de Alba e Damián nas súas mans.

 








domingo, 11 de febreiro de 2024

Encontro Lector

O mércores 24 de xaneiro desenvolveuse no noso centro un novo encontro lector. Esta iniciativa, que o Equipo da Biblioteca e o de Dinamización da Lingua Galega realizan co alumnado e coas familias, quixo render unha homenaxe a Miguel López, O Hematocrítico. Así, o alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria e as súas familias participaron na proposta que se preparou arredor da obra Gaivota Gourmet. Esta é unha historia moi divertida sobre os manxares do patio dunha escola e as diferenzas de gustos á hora de comer. 

Pola súa banda, o alumnado de 3º a 6º de Primaria, leu e comentou outro traballo do autor: Dona Problemas, centrado nunha nena que é quen de resolver as contrariedades que ocorren na súa escola.



                                                      gaivota gourmet. O HEMATOCRITICO / Alberto Vazquez (il. ). Elkar.eus

 


 

domingo, 18 de decembro de 2022

Encontro lector

O pasado 21 de novembro, a Biblioteca do centro e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega empezaron a desenvolver conxuntamente os encontros lectores deste curso. Para o alumnado de Educación  Infantil, 1º e 2º de Primaria, a obra escollida foi: Como se di? de Thiago Lopes e Lawrence Schimel (VerdeMar - Alvarellos editora). Un  álbum ilustrado que pon en valor a diversidade e que nos mostra a importancia das “boas maneiras”, fundamentais para a convivencia.

Para o grupo das e dos maiores (3º a 6º de E. Primaria), a proposta foi: Pippi Mediaslongas de Astrid Lindgren, unha obra moi divertida que nos achega tamén á diversidade e que rompe estereotipos.

Foi unha tarde na que familias, alumnado e docentes desfrutaron comentando estas obras.

 




domingo, 15 de maio de 2022

Colaboración do noso centro coa Facultade de Ciencias da Educación

Para celebrar o Día das Letras Galegas, presentámosvos un traballo conxunto entre o CEIP López Ferreiro e a Facultade de Ciencias da Educación da USC. Un proxecto de recollida de tradición oral que nace dun traballo das aulas Coralia e Maruxa e que se materializou a través dunha proposta do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro e co apoio da nosa biblioteca. Para consultalo só tedes que premer na seguinte imaxe:


A tradición oral é un vehículo fundamental e marabilloso de transmisión, conservación e posta en valor da nosa lingua e da nosa historia. 


 

 

sábado, 19 de marzo de 2022

Helena Villar: o 8M e a denominación dos espazos do centro.

Para a celebración do 8 de Marzo tivemos a sorte de contar, como noutras ocasións, con Helena Villar Janeiro. Sempre xenerosa, non dubidou en acudir ao noso convite para conmemorar este día tan sinalado.

 

Helena, muller polifacética onde as haxa, "axudou a andar o camiño da escrita de muller en galego".

No centro esperábaa unha sorpresa. A biblioteca, á que tanto tempo lle dedicara nos seus anos de docente no López Ferreiro, agradecíalle o seu traballo levando o seu nome. A súa familia e compañeiros e compañeiras dos seus anos no centro tamén se achegaron para acompañala.

Nesta merecida homenaxe, o alumnado da escola sinalou: 

"Helena é unha escritora imprescindible cunha ampla produción, moi recoñecida e premiada, que pon e puxo en valor a lingua galega como vehículo de transmisión e reivindicación, que impulsa valores como a diversidade, a sabedoría das persoas maiores, a música, a tradición cultural propia ou a ecoloxía".

Moitísimas grazas, Helena!