domingo, 8 de maio de 2022

Fai un trato co galego: as nosas artistas e os nosos artistas musicais

Susana Seivane é unha gaiteira e unha artista polifacética, referente no panorama da música Folk. Descende dunha importante familia de gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia e sempre presumiu da herdanza do seu avó, Xosé Manuel Seivane, e do seu pai, Álvaro Seivane.

A súa música evoluciona con ela, pois adoita rodearse e colaborar con importantes figuras no plano musical. Estivo presente en importantes escenarios, tanto do territorio nacional, como internacional con grande recoñecemento.

Dende este curso, a aula de música do CEIP López Ferreiro leva o seu nome.

 

Xabier Díaz é cantante, bailador, gaiteiro, pandeireteiro, compositor, ademais de autor dun enorme traballo de compilación etnográfica. 

Formou parte de diferentes agrupacións como Xacarandaina, Nova Galega de Danza ou Berrogüeto e  colaborou en discos e concertos de diferentes artistas, acadando numerosos recoñecementos.

Xunto a Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero, formou parte do proxecto aCadaCanto

Nos últimos anos traballa man a man coas Adufeiras de Salitre,  mulleres cantoras e percusionistas.

Neste momento está inmerso na xira do seu último disco, Levantarse e caer.


Guadi Galego, mestra de música no ensino público, é outra grande e polifacética artista do panorama galego. Destaca a súa participación, antes do seu inicio en solitario, como vocalista do grupo Berrogüeto.

Muller loitadora que reivindica a pluralidade, a diversidade e a igualdade das mulleres, é asemade unha grande defensora do galego e da propia cultura.

Leva acadados moitos premios. Hai cinco anos, con motivo das actividades do Día das Letras Galegas, participou nun destacado acto no eido educativo (organizado polo CFR), cuxo obxectivo era fomentar o canto coral nos centros de ensino, utilizando como base o repertorio de grupos e cantantes galegos actuais. Arredor de mil estudantes de Primaria e Secundaria xuntáronse para gravar con ela o seu tema Chea de vida



Ningún comentario:

Publicar un comentario