venres, 30 de decembro de 2022

Exposición solidaria

 

Os Equipos de Actividades Extraescolares e de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro realizaron, con alumnado de diferentes niveis, unha exposición fotográfica: “A mellor luz, a solidariedade”, co fin de colaborar co Albergue Juan XXIII na campaña de Nadal. Deste xeito, apóiase o grande labor que está a facer esta institución, ao ser refuxio e sustento de moitas persoas na nosa cidade.

Protagonizan as fotografías os distintos tipos de luz e os ollos do alumnado que as realiza ou está a ser retratado.

Ademais, cada unha das 30 imaxes están apoiadas con versos de grandes mulleres poetas galegas: Rosalía de Castro, María Mariño, Luz Pozo, María Victoria Moreno, Helena Villar, Ana María Fernández, María do Cebreiro Rábade ou Rosalía Fernández.

A exposición puido ser visitada os días 21 e 22 de decembro no claustro do Hotel Monumento San Francisco e, á volta do Nadal, as fotografías serán expostas no centro.

O motivo da exposición foi procurar diferentes produtos que precisan no Albergue: alimentarios, de hixiene persoal, de limpeza etc.

 

 

 

 


domingo, 18 de decembro de 2022

Presentación do Libro da Memoria no CSC Maruxa e Coralia

 

Hoxe, 17 de decembro, presentouse no CSC Maruxa e Coralia o Libro da Memoria (2019-2022) das aulas Coralia e Maruxa do CEIP López Ferreiro. Un conxunto de textos ilustrados polo alumnado e que son unha escolma da tradición oral das súas familias.

O acto, ao que asistiu arredor dun cento de persoas entre alumnado, familias, representantes do mundo da cultura e da política da cidade, estivo cargado de emotividade. Púxose de manifesto a importancia do texto lírico de tradición oral, porque nos conecta coa cultura e coa lingua propia e porque pon en valor a muller como principal transmisora.

Nesta presentación falaron Helena Villar, Encarna Otero, Cristina Trigo, Mari Carmen Montero, Fátima Rodríguez e Rosa Suárez. Agradeceuse a Mercedes Rosón e a Lupe Rodríguez que propiciaran o encontro no novo CSC e a Benjamin Carter o ter desenvolvido o deseño e maquetación da obra.


 




Encontro lector

O pasado 21 de novembro, a Biblioteca do centro e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega empezaron a desenvolver conxuntamente os encontros lectores deste curso. Para o alumnado de Educación  Infantil, 1º e 2º de Primaria, a obra escollida foi: Como se di? de Thiago Lopes e Lawrence Schimel (VerdeMar - Alvarellos editora). Un  álbum ilustrado que pon en valor a diversidade e que nos mostra a importancia das “boas maneiras”, fundamentais para a convivencia.

Para o grupo das e dos maiores (3º a 6º de E. Primaria), a proposta foi: Pippi Mediaslongas de Astrid Lindgren, unha obra moi divertida que nos achega tamén á diversidade e que rompe estereotipos.

Foi unha tarde na que familias, alumnado e docentes desfrutaron comentando estas obras.

 




mércores, 23 de novembro de 2022

25N

O alumnado de 4º de Educación Primaria do noso centro achega a proposta que se desenvolveu para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES, dende os equipos de Plan Dixital e Dinamización da Lingua Galega. 

É a continuación dun traballo que iniciaran en Educación Infantil e da actividade que xa presentaran o curso pasado con motivo do 8M.

Celebramos que este alumnado teña claro o significado desta conmemoración e sexa quen de identificar distintos tipos de violencias. 



mércores, 19 de outubro de 2022

Fai un trato co galego: alumnado de todos os niveis.

Empezamos un novo curso e continuamos coa nosa campaña Fai un trato co galego!

Pensamos que non hai mellor maneira de inicialo que con alumnado de todos os niveis que avoga por facer un trato co galego.

Nenos e nenas, rapaces e rapazas de distintas idades e procedencias reivindican o uso do idioma galego!

Continuemos a facer un trato co galego!

Clara é alumna do CEIP López Ferreiro. Con só cinco anos ten coñecementos de moitas linguas, por iso sabe ben de que está a falar.


Airas, que é alumno tamén do López Ferreiro, non quere mudar de lingua a pesar de que iso, parece complicarse a medida que imos ascendendo nos cursos de Primaria.

Xela e Aldara estudan no Xelmírez I, antes fixérono no López Ferreiro. Son mozas de quince anos que non amosan prexuízos por falar en galego.

Santi e Xabi, estudantes universitrios na Pompeu Fabra e na Universidade Autónoma de Barcelona, respectivamente, son exemplo do importante que é a lingua materna e a relevancia dos afectos na súa transmisión. 



venres, 24 de xuño de 2022

Revista Pegada

A nosa publicación cumpre dezaoito anos!

Esta vez achegámola á comunidade educativa en formato dixital. Nela mostramos as "pegadas" máis relevantes do curso 2021-22. Premede na imaxe para poder lela. Agardamos que gocedes dela!




martes, 14 de xuño de 2022

Luuume! adaptado polo alumnado de Infantil

O alumnado da aula Coralia (6º de Educación Infantil-B), adaptou o texto de Andrea Freire. Esta obra, ilustrada por Laura Miranda, serviulles para traballar a xestión emocional e achegar este álbum ilustrado a toda a comunidade educativa, especialmente ao alumnado e ás familias que participaron no último encontro lector que se desenvolveu no centro, dentro do programa Lectura e Familias.