domingo, 11 de febreiro de 2024

Peche do programa 21 días co galego e + 2024


O programa 21 días co galego e + 2024, chegou á súa fin.

Esta iniciativa, cuxa inaguración oficial se desenvolveu no noso centro, tivo na mesa constituída para este acto a  Dna. Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; D. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; D. Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; D. Jesús M. Álvarez, director xeral de Centros e Recursos Humanos e Dna. María del Carmen Montero, directora do CEIP López Ferreiro.

 

 

Como persoas convidadas asistiron: Jesús Torres (director da Biblioteca Pública Ánxel Casal); Lois Trigo (exdirector do centro); Rosa Aneiros (xornalista e escritora); Teresa Carballido (representante da ANPA); Purificación Galán (coordinadora territorial dos EDLG da Coruña); Carmen Nogueira e María Manuela Leis (asesoras da SXPL).

Durante o tempo no que se desenvolveu esta proposta no centro, leváronse a cabo moitas actividades lúdicas como xogos tradicionais nos patios, karaoke, tatuaxes... Participamos no programa da Radio Galega, Galicia por diante, realizáronse entrevistas dentro do centro e nas casas, as familias achegaron vídeos onde explicaban que actividades significativas desenvolvían en galego... E ata se puxo en marcha unha campaña para animar a falar galego, con recollida de sinaturas incluída.

Ademais, visitáronnos para contarnos historias e para falar con nós da importancia da nosa lingua, moitas persoas significativas en diferentes ámbitos laborais e da cultura: Rosa Aneiros, Encarna Otero, Fernanda Fernández, Irene Lourido, María de la Fuente, Montse Pena, Irene Lampón, Xusto Rodríguez, Ana Viña, Lois Trigo, Ana Domínguez, Mané Bello, Anxo Fernández e Ana Rodríguez.

E estivo connosco Celso Fernández Sanmartín, un dos mellores contadores de contos e historias de tradición oral de Galicia.

Premede no vídeo para ver e escoitar uns segundos o ben que o pasamos. 


O martes, 6 de febreiro, tivemos o peche oficial e contamos coa presenza de Helena Villar. Non podiamos ter a ninguén mellor para clausurar este programa xa que ela, docente e escritora, pon e puxo en valor a lingua galega como vehículo de transmisión e reivindicación.

                               

Esta iniciativa tamén nos permitiu traer ao centro á banda Ruxe-Ruxe, que combina rock con sons tradicionais galegos e desenvolver un fin de festa e un Entroido moi especial, co que o alumnado gozou moito! 

 

                                

 

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario