María de la Fuente é unha científica galega, doutora na área de Nanomedicina e Terapia xénica, cuxo campo de estudo é a nanomedicina. É cofundadora de Diversa Technologies.
Esta investigadora estudou na Universidade de Santiago, onde se licenciou en Farmacia, pero completou a súa formación no estranxeiro. Dirixe un equipo de investigación no que traballan para mellorar o tratamento e o diagnóstico do cancro, aplicando a nanotecnoloxía. Ademais, é investigadora principal de distintos proxectos de investigación (autonómicos, nacionais e internacionais). É inventora de cinco patentes e autora de numerosos artigos científicos.
María é unha referente na loita pola igualdade entre homes e mulleres, concretamente na loita a favor da igualdade das mulleres científicas. Promoveu #ocientificaomadre, un movemento colectivo que deu lugar a cambios significativos nos regulamentos das convocatorias para optar a postos de traballo no campo da ciencia e da investigación.
Posúe numerosos recoñecementos. O último, o do Concello de Santiago no pasado oito de marzo que, baixo o lema "Mulleres de Compostela", homenaxeou a traxectoria profesional e vital de mulleres que, coma ela, contribúen a conformar unha cidadanía máis igualitaria.
Jorge Mira é físico, investigador e divulgador científico, que ademais colabora con diferentes medios de comunicación.
É catedrático da área de electromagnetismo na Facultade de Física da Universidade de Santiago. É membro correspondente da Real Academia Galega polas súas investigacións no desenvolvemento de modelos matemáticos para estudar a lingua galega.
O seu nome é un referente nas revistas científicas máis importantes no ámbito nacional e internacional. É autor de obras de grande sona: A ciencia no punto de Mira e A que altura está o ceo?
Dirixe o Programa ConCiencia, da USC, que persegue, entre outros obxectivos, a divulgación científica a cargo de Premios Nobel, que visitan Compostela da súa man. Ademais, grazas e el, no 2008 Stephen Hawking visitaba a nosa cidade e a Costa da Morte. Precisamente é o impulsor de observacións astronómicas nesta zona e de iniciativas como as charlas 'Nerd Nite'.
Acadou numerosos premios autonómicos, nacionais e internacionais. Mira foi un dos expertos que formaron parte da comisión nomeada polo Goberno para o estudo da reforma do cambio horario e un dos que máis nos axudou a entender a importancia da ventilación para facer fronte ao coronavirus.
Iria Veiga, é médica psiquiatra, divulgadora e científica. Estudou na Universidade de Santiago e exerce no Hospital do Barbanza.
Muller reivindicativa onde as haxa, loita pola igualdade entre homes e mulleres e pola importancia de comunicar a ciencia á sociedade e sobre a riqueza que supón facelo en galego. Defende que a ciencia e a tecnoloxía sexan postas ao servizo da saúde física e mental das persoas para que, "cadaquén poida optar a todas as posibilidades segundo os seus requirimentos".
Iria, xunto con Javier Balea, son os creadores de 'Balea vermella', un programa dedicado ao coñecemento e á divulgación científica en galego. Emítese semanalmente e en directo a través da plataforma dixital Twitch.
Sempre que ten ocasión incide na necesidade de achegar información e formación sobre a saúde mental. Ao respecto opina que é fundamental a educación emocional e os afectos que nos procuran as boas relacións interpersoais.
Atesoura diferentes recoñecementos, algún deles polos seus escritos xornalísticos nos que visibiliza os prexuízos sobre a lingua e a necesidade de superalos. A súa boa escrita levouna tamén a ser xurado de premios literarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario