Dende o EDLG do CEIP López Ferreiro queremos recomendarvos Dic, dac, docs.
É unha serie para achegar o léxico galego ás pequenas e pequenos. Está no Portal da Lingua Galega e podedes acceder pinchando na imaxe.
domingo, 19 de decembro de 2021
Léxico galego para a cativada
domingo, 28 de novembro de 2021
25N-Adhara e Ritman
Queremos achegarvos unha das actividades que desenvolvemos para pór de manifesto o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres.
Son as nenas e os nenos da Aula Coralia (6º de Educación Infantil, B) que fan a súa propia versión de Libre Son, de Adhara e Ritman.
Este alumnado tivo a sorte de recibir resposta da cantante. Mil grazas, Adhara!
Tanxugueiras
Neste mes de novembro, queremos agradecer ao Concello de Santiago e concretamente á Concellaría Delegada de Normalización Lingüística, que o alumnado de 4º de Educación Primaria do noso centro, puidera desfrutar da visita e da actuación de Olaia, Aida e Sabela, Tanxugueiras!
Pensamos que son unhas das grandes expoñentes da posta en valor e da reinterpretación da nosa tradición oral.
domingo, 21 de novembro de 2021
Visita ao Museo do Pobo Galego
O pasado xoves, día 18 de novembro, os Equipos de Biblioteca e de Dinamización da Lingua Galega desenvolveron unha actividade coas familias no Museo do Pobo Galego. Esta proposta dá inicio ás actividades do club de lectura do centro deste curso 2021/2022.
Participamos nun itinerario sonoro polas salas do Museo. Este itinerario, Son[Em]peza, que poderá visitarse ata finais de ano, quere dar a coñecer as pezas materiais (obxectos) e as pezas inmateriais (sonoras) que posúen nos arquivos do Museo.
Achegámonos a cantigas, refráns, ditos... que conforman e poñen en valor a nosa memoria colectiva e a cultura que nos é propia.
domingo, 14 de novembro de 2021
Xogos tradicionais galegos
O Consello da Cultura Galega colabora co Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego e preséntannos a través dunha web e dunha app a posibilidade de acceder ao patrimonio, tanto material como inmaterial, que nos proporcionan os xogos tradicionais.
Paco Veiga (profesor de Lingua Galega e Literatura, fundador da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e representante do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego) sinala que “o xogo popular é unha parte fundamental da cultura do noso país”.
Pensamos que é todo un acerto o achegamento a través de ferramentas tecnolóxicas, que permiten acceder aos xogos facilmente e nun breve espazo de tempo.
Animádevos a xogar! Xogade en galego!
http://xogostradicionais.consellodacultura.gal/
mércores, 10 de novembro de 2021
Intercambio de cartas
Estase a levar a cabo no centro unha proposta de intercambio de cartas con outros centros: CEIP Sal Lence de A Coruña e CEIP Santa María do Castro de Cabo de Cruz. Este intercambio de cartas persegue non só fomentar o uso do galego e promover a competencia lingüística na nosa lingua, senón tamén establecer lazos entre alumnas e alumnos doutros centros galegos.
domingo, 7 de novembro de 2021
Libro da Memoria
Queremos conformar un Libro da Memoria do centro. Parécenos moi importante que o alumnado comparta e desfrute da tradición oral propia. Pensamos que é responsabilidade do sistema educativo asumir, pór en valor, analizar e perpetuar os sinais de identidade de cada pobo.
Achegámosvos un exemplo de xogo de aula en Educación Infantil e nesta entrada poderedes ver máis adiante o Libro que, entre todas e todos, elaboraremos este curso.
Tamén podedes acceder a textos de tradición oral trasladados a ARASAAC a través do seguinte enlace.