mércores, 23 de abril de 2025

Tradidácticos

Este proxecto ten a finalidade de achegar a tradición ao alumnado do noso país, a través do baile, o canto, os contos e a práctica dos instrumentos máis característicos da nosa música.


Creado por Manuele Pardo, graduado en Maxisterio dende 2017, quen traballa como mestre de música en colexios ao ancho da xeografía galega dende o 2018 ata o 2023.

Na actualidade forma parte de grupos como AILÁ, A Banda das Crechas ou Os Estalotes, todos eles vencellados á música tradicional. Tamén imparte aulas de pandeireta, gaita, percusión e baile a crianzas e adultos en diferentes asociacións culturais.


luns, 21 de abril de 2025

Encontros lectores

 O 12 e marzo, o Equipo de Biblioteca en colaboración co EDLG, desenvolveu un novo encontro lector, as lecturas que comentamos foron as seguintes:

1. Lectoras e lectores principiantes


CANTA XENTE SE NECESITA..., de Anna Font 



2. Lectoras e lectores autónomos e autónomas


ESPANTALLO AMIGO, de Xosé Neira Vilas


3. Familias lectoras


VIRTUDES (e misterios), de Xesús Fraga


"A investigación cambia o mundo". A ciencia feita en Galicia.

O alumnado de 6º de Educación Primaria do noso centro tivo a sorte de recibir a visita de María de la Fuente Freire, recoñecida investigadora galega, que compartiu con nós unha charla apaixonante sobre a ciencia feita en Galicia.

Cun título tan evocador como “A investigación cambia o mundo”, María falounos da súa experiencia como científica, explicando que a investigación é unha ferramenta fundamental para mellorar a nosa sociedade, e que tamén é unha viaxe chea de preguntas, descubrimentos e aprendizaxe constante. Animou ao alumnado a manter a curiosidade, a facerse preguntas e a non ter medo a explorar novos camiños.

Un dos puntos máis destacados da charla foi a reflexión sobre a igualdade na ciencia. María recalcou que se pode facer ciencia en galego e en feminino e que, aínda que se conseguiron algúns avances, queda moito camiño que percorrer para que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades no mundo da investigación, independentemente do seu xénero. Por iso, convidounos a loitar contra os estereotipos e a crer nas nosas capacidades, xa que, a ciencia necesita de todas e todos.


mércores, 2 de abril de 2025

Novos artigos na Galipedia

                                             


Extra, extra! Temos novos artigos na Galipedia que atinxen ao noso centro. Podedes premer nos seguintes enlaces para coñecer máis sobre Parque Xixón e sobre o Libro da memoria.


Parque Xixón


Libro da memoria