luns, 8 de abril de 2024

Encontro coa alcaldesa de Santiago

Para o desenvolvemento da terceira fase da nosa proposta para o Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística (Fai un trato co galego! Atende en galego!), reunímonos a pasada semana no Pazo de Raxoi con Goretti Sanmartín. A alcaldesa,  recibiu o alumnado de 5º e 6º de Primaria e unha representación do EDLG, manifestando o seu apoio a esta campaña!

 


Estamos moi contentas e moi contentos que dera conta da nosa proposta o Consello da Cultura Galega, o Observatorio da Lingua Galega e xornais como  Nós Diario ou La Voz de Galicia.

Ademais o EDLG do CEIP López Ferreiro creou unha conta de Instagram: @edlglopezferreiro. Nesta conta estanse a subir os apoios das familias do alumnado do Equipo 21 e doutras persoas significativas que colaboran, desde os seus inicios, hai dous cursos, coa nosa campaña Fai un trato co galego!

Animámosvos a sumarvos a esta iniciativa remitíndonos os vosos vídeos ao correo electrónico do EDLG: edlglopezferreiro@gmail.com. O Concello de Santiago xa o está a facer!

martes, 26 de marzo de 2024

Recital na Biblioteca Ánxel Casal

Como cada trimestre, as aulas Coralia e Maruxa do CEIP López Ferreiro, reúnense coa Aula de Maiores da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, para desenvolver unha proposta conxunta.

Esta vez foi un "recital" de cancións populares: "Foliada de Nadela", "Catro vellos mariñeiros", "A Virxe de Guadalupe", " O sancristán de Coímbra" e "Se chove, deixa chover".

Unha vez máis queren pór en valor a cultura propia e a relevancia das propostas de aprendizaxe servizo.

Achegamos o cartel anunciador e un pequeno fragmento do recital.

 

 


 


 


 

 

 

 

 

 



Textos importantes da nosa memoria

O alumnado do noso centro traballa con textos de tradición oral desde Educación Infantil.

Esta vez, o alumnado de 5º e 6º de Primaria, quixo recoller ditos e achegarllos ao resto do centro. Foi unha iniciativa que presentaron durante o programa 21 días co galego e máis 2024 que loce nos nosos corredores.

Agradecemos de novo o traballo de Cristina Filgueira Martínez, alumna do Prácticum II do Grao en Mestra de Educación Infantil, que se encargou da montaxe.

 



Palabras de Muller

Os corredores do CEIP López Ferreiro poñen en valor as palabras das "mulleres galegas imprescindibles" que dan nome as súas aulas.

Este traballo foi desenvolvido polas alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria que conformaron o "Equipo 21", e que foron os encargados e encargadas de levar a cabo a maioría das propostas da nosa participación no programa 21 días co galego e +. Moitas desas actividades deixarán pegada todo o curso.

Agradecemos tamén o traballo de Cristina Filgueira Martínez, alumna do Prácticum II do Grao en Mestra de Educación Infantil, que se encargou da montaxe.



sábado, 9 de marzo de 2024

8M con Caamaño e Ameixeiras

O López Ferreiro conmemorou o 8M, coa actuación do dúo galego de música folk tradicional galega Caamaño & Ameixeiras. Coa acordeonista Sabela e coa violista e vocalista Antía, celebramos o Día Internacional das Mulleres, unha xornada para reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das mulleres na nosa sociedade.

Este concerto, organizado polo EDLG do noso centro, desenvolveuse grazas á iniciativa dos Contratos-programa Inclúe (CPInclúe), nos que estamos a participar, concretamente do IGUÁLA-T.


 
 
Premede nos vídeos para escoitar un anaco da súa actuación.





mércores, 28 de febreiro de 2024

Fai un trato co galego: as institucións falan galego

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, é ademais escritor, crítico literario, editor e xornalista, que adoita colaborar asiduamente con diferentes medios de comunicación.

Ocupou a dirección de editoriais como Galaxia e Xerais e é membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega.

Ingresou na Real Academia Galega no 2004 e presídea desde marzo de 2017, "un centro de traballo arredor da lingua galega".

Francisco J. Prieto é o arcebispo de Santiago desde abril do pasado ano. Pertence á Arquidiocese de Santiago de Compostela, unha circunscrición ou ámbito eclesiástico da Igrexa Católica en España. É o máximo representante en Galicia desta institución.

O arcebispo de Santiago, sinalaba, precisamente na visita á Real Academia Galega: "A Igrexa ten a responsabilidade de ir educándonos nesa sensibilidade sobre unha lingua que é propia"

 




domingo, 25 de febreiro de 2024

Día de Rosalía

 

Este venres 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía no noso centro. Nas aulas desenvolvéronse diferentes actividades para visibilizar a nosa escritora e para fomentar o uso do galego.

O EDLG do CEIP López Ferreiro, en colaboración co IES Camilo José Cela de Padrón, empezara xa había dúas semanas a pór en marcha a campaña Búscanse galegofalantes, que xurdiu a raíz da participación no programa 21 días co galego e + e no Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística.  Na nosa escola instalamos "puntos de sinaturas" á entrada dos corredores dos catro andares do centro e, ao lado, un cartel moi expresivo, onde a propia Rosalía de Castro animaba o alumnado a que asinase un compromiso co emprego de idioma, para fomentalo e non abandonar o seu uso. A afluencia para asinar superou todas as previsións! Máis da metade do alumnado do López Ferreiro deixou a súa sinatura!

Achegamos imaxes da proposta levada a cabo nos dous centros.